Naceu en Ferrol (A Coruña) en 1920. Inclúese na denominada promoción de enlace, á que pertencían autores como Luz Pozo Garza, Manuel Cuña, Tomás Barros ou Antón Tovar. A súa actividade principal foi a de xornalista, coa que acadou diversos premios.
Colaborou, sobre todo, con traballos de crítica literaria en diversos xornais: La Noche, El Correo Gallego, El Norte de Galicia, Informaciones, etc. Foi tamén redactor da revista ferrolá Aturuxo, na que se deu a coñecer como poeta en castelán.
Como creador en lingua galega escribiu as composicións poéticas “As illas” e “Resposta ó nirvana, de Tomás Barros”, aparecidas na revista Nordés en 1975 e 1987, respectivamente; e “Libro dos mares” e “Palabra agachada”, publicados en La Voz de Galicia a mediados dos anos 80, ademais do libro de relatos “A primeira fase e outras narracións”, que viu a luz en 1996, con limiar de Luis Alonso Girgado e ilustracións de Siro López.
En lingua castelá publicou, entre outros, o poemario “Carta de algunas islas y varios ríos” (1982).