Manuel Cuña Novás, nado en Pontevedra o 1 de xuño de 1924 e finado o 18 de maio de 1992 na mesma cidade, foi un escritor e político galego, pertencente á Promoción de enlace.
Traxectoria
Fillo dos mestres Manuel Cuña e Sara Novás, pasou a infancia en Pontevedra, ata o período republicano, cando a súa familia se trasladou a Cidade Real, onde os sorprendeu a guerra civil. Coa fin da guerra o seu pai marchou ó exilio a Panamá, e a nai e os irmáns volveron a Galiza.
Comezou a escribir poesía ó rematar a adolescencia, e colaborou en publicacións como Sonata Gallega, Finisterre, Cartel e El Pueblo Gallego. Nesa época estableceu amizade co poeta Virgilio Nóvoa Gil, ó que afastou da loucura. En 1950 gañou o premio de poesía na Festa das Letras de Barcelona co poema Trebón perpetuo, presentado co pseudónimo de Jorge Casasbellas.
En 1951 viaxou a Francia, onde escoitou e aprendeu de Jean-Paul Sartre, Albert Camus, Édith Piaf, Paul Éluard, e de acollidos como Friedrich Hölderlin, Rainer Maria Rilke ou Arthur Rimbaud.
Casou con Josefina e tivo dous fillos, o poeta Jorge Cuña Casasbellas e o militante anarcosindicalista Miguel Cuña Casasbellas.
Afiliado ao Partido Socialista Obrero Español, foi senador pola provincia de Pontevedra de 1982 á súa morte en 1992.
Obra en galego
- Frauta na noite, 1947. Premio do Centro Gallego de Buenos Aires.
- Fabulario novo, 1952, Sabino Torres, Pontevedra, colección Benito Soto.
- Canto e fuga da irmandade sobor da terra e da morte, 1976, edición do autor, Pontevedra.
- Antología poética = Antoloxía poética = Antologia poetica, 2007, Fundación Cuña-Casasbellas. Antoloxía trilingüe galego-castelán-italiano.
Obra en castelán
- Mar de otra luz, 2008, Fundación Cuña-Casasbellas.