Antón Tovar

Inicio / Podcasts / Antón Tovar

Podcasts relacionados

Antonio Domingo José Tovar Bobillo, chamado Antón Tovar, nado na Pereira (Rairiz de Veiga) o 23 de outubro de 1921 e finado en Ourense o 16 de xuño de 2004, foi un poeta galego que escribiu en lingua castelá e lingua galega, encadrado na chamada promoción de enlace. A súa obra está marcada polo pesimismo, o sentimento poético sincero e auténtico, o existencialismo, o intimismo e a preocupación social, ademais da baldía procura de deus. Foi membro correspondente e de honra da Real Academia Galega.

En xuño de 2025 foi un dos propostos para o Día das Letras Galegas 2026.

Traxectoria

Pasou parte da infancia en Celanova. Despois trasladouse coa familia a Ourense, onde fixo o bacharelato, recibindo clases de Ramón Otero Pedrayo, e onde pasaría a maior parte da súa vida. María del Carmen Fernández, muller de Vicente Risco, era curmá da nai de Tovar. Risco emprestaríalle a Tovar libros de Ramón Cabanillas, Antonio Noriega Varela, Gonzalo López Abente e Rosalía de Castro.

En 1940 iniciou en Santiago de Compostela os estudos de Filosofía e Letras, carreira que abandonou para ingresar como novizo nos xesuítas de Salamanca, onde permaneceu pouco máis dun ano (1941-1942). En maio de 1941 morreulle o pai.

En 1942 gañou a oposición a Contador do Estado, e foi destinado primeiro a León e un ano despois a Ourense, cidade onde exerceu como funcionario do Ministerio da Facenda e onde estabeleceu relación con Otero Pedrayo, Risco (a quen veneraba a pesar das diferenzas ideolóxicas que mantiñan), Florentino López Cuevillas, Xesús Ferro Couselo, Alberto Vilanova, Xosé Luís López Cid, Xaquín Lorenzo e Luís Trabazo.

Na década dos cincuenta iniciou a súa actividade literaria en castelán co poemario Barro de nadie (1955). Despois de varios poemarios nesa lingua, en 1962 edita en galego Arredores, ao que seguirían outros. Nas súas primeiras obras está presente a reivindicación do idioma, pero a súa poesía caracterízase por un existencialismo pesimista que está presente ao longo de toda a súa produción. Segundo el mesmo: Rosalía, Curros, Rubén, Antonio Machado, Baudelaire, Francis Jammes, Blas de Otero, Teixeira de Pascoaes, Pessoa, Antero de Quental, Torga e, sobre todo, Antón Tovar, son os autores que inflúen na obra de Antón Tovar.

Para Facenda traballou até 1967, cando foi expulsado pola súa militancia clandestina no PCE-PCG. Nesa altura, comezou a traballar na libraría Tanco, e tivo acceso a libros prohibidos pola censura.

En 1968 coñeceu a Antonia Mirayo Pérez, “Tucha”, con quen casou ese mesmo ano, e que o acompañaría ata o 16 de xullo de 2000, data de pasamento dela. En febreiro de 1973 viaxou até México con Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín, convidados polo Goberno daquel país para participar na homenaxe a León Felipe.

Aínda que Tovar é fundamentalmente poeta, tamén publicou relatos curtos, diarios e ensaio. Colaborou pouco na prensa e en revistas, e non deu recitais nin ditou conferencias.

Nos Xogos florais de Guimarães de 1960 obtivo o primeiro e o terceiro premio polos poemas “O can” e “Responso saudoso pra D. Enrique o Navegante”. Recibiu o premio Amor Ruibal no ano 1966 polo ensaio “Xoán XXIII e a Terra”. De novo nos Xogos florais de Guimarães, outorgáronlle o primeiro premio por “Deume a risa”, en 1972. Déronlle un Premio da Crítica Galicia (1981) por Calados esconxuros, o Losada Diéguez (1991) e o Celanova, Casa dos poetas (2003). En 2002, o plenario da RAG designou por unanimidade a Antón Tovar para ser o representante dos poetas galegos para optar ao Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana (11ª ed.).

Foi membro correspondente da RAG desde o 29 de xaneiro de 1984, e membro de honra, desde o 15 de marzo de 1997.

Despois dunha prolongada enfermidade, faleceu en Ourense na madrugada do mércores 16 de xuño de 2004. As súas cinzas foron depositadas no cemiterio de San Francisco.

Debido a época na que desenvolve a súa obra pódese considerar un autor da “Promoción de enlace”.

No ano 2005 o Concello de Rairiz de Veiga, o Museo da Limia, o Centro de Cultura Popular do Limia e o Liceo de Ourense convocaron a primeira edición do Premio de Poesía Antón Tovar.

En 2006 a Consellería de Cultura publicou un disco, titulado Arabela da pluma, no que o cantautor valdeorrés Anxo Rei (Ángel Rey Núñez) puxo música a varios poemas de Tovar, extraídos de Arredores, Non, O vento no teu colo, Berros en voz baixa e A nada destemida: “Tanto que camiñei”; “Pluma que tes”; “O medo vai e vén”; “Ouvín un paxaro”; “Ca miña señor”; “Dixéronme que non”; “Vas e ves”; “Palabras”; “Digo sí digo non” e “Eu quería”.

Obra en galego

Poesía

Arredores (1962). Vigo: Colección Salnés, Galaxia. Despois incluída na Biblioteca Galega 120.
Non (1967). Ourense: edición do autor, Gráficas Tanco.
Poesía galega completa (1974). Arealonga, Akal.
Calados esconxuros (1980). Vigo: Xerais. Con debuxos de M. Prego. Premio da Crítica Galicia.
Berros en voz baixa (1990). Santiago: Colección Leliadoura, Sotelo Blanco.
A nada destemida (1991). Vigo: Colección Dombate, Galaxia.
Cadáver adiado (2001). Sada: Ediciós do Castro.
Poesía en galego I (1962-1975) (2005). PEN Clube de Galicia.
Poesía en galego II (1980-2001) (2005). PEN Clube de Galicia.
Antoloxía poética de Antón Tovar (2023). Vigo: Xerais. Edición de Delfín Caseiro e prólogo de Xesús Alonso Montero. 168 páxs. ISBN 978-84-1110-254-4. ePub: ISBN 978-84-1110-251-3.

Narrativa

A grande ilusión e outros contos (1989, Galaxia).

Ensaio

“Xoán XXIII e a Terra” (1966), publicad na Hoja del Lunes de Orense. Premio Amor Ruibal.
Diario sin datas (1987, Ediciós do Castro).
Diario íntimo dun vello revoltado (2001, Galaxia).
Antonio Tovar: conversas cun vello revoltado, de X. M. del Caño (2005, Galaxia).

Obras colectivas

Os cen mellores poemas da lingua galega (1970, Lugo, Celta) de X. Alonso Montero.
Poetas gallegos contemporáneos (1972, Barcelona, Seix Barral) de B. Losada. Ed. bilingüe.
Desde mil novecentos trinta e seis (1995, Ediciós do Castro).
Poetas e narradores nas súas voces. I (2001, CCG). Libro con 2 CD,s.
“Oración”, p. 65 en Carlos Casares: a semente aquecida da palabra (2003, CCG).
Poemas pola memoria (1936-2006) (2006, Xunta de Galicia).

Libros de homenaxe

Antón Tovar na Limia (2007, Xunta de Galicia).

Obra en castelán

Poesía

Barro de nadie [1955]. Permaneceu inédito ata 1987.
El tren y las cosas (1960, Ed. Comercial, Ourense). Con debuxos de Virxilio. Premio de poesía «Marina».
El ladrido (1961, Trebolle, Ourense).
La Lanzada: versos hacia el mar (1964, La Editora Comercial, Ourense). Inclúe tres poesías en galego.
La barca (1974, Bilbao). Libro que xa rematara en 1961.
Poesía en castellano (1955-1973) (1987, Deputación de Ourense). Con debuxos de Xaime Quessada.
Los versos de mi camilla: 4 formas (1997, Ediciós do Castro).